Cóntanos de que barrio es e dicímosche en que parte da praia das Delicias teredes a vosa lumeirada.
"Antes facíase unha ruta para ver as diferentes fogueiras dos barrios», di o edil de Cultura de Sada, Marcos Villar, para explicar por que este ano se marcaron como obxectivo para este San Xoan recuperar esa tradición, aínda que se centralizará todo na praia das Delicias. Alí distribuirase a madeira que cada barrio pode utilizar para crear a súa propia lumeirada e agrupar ao redor dela aos seus veciños.
Lugares como Cantalarrana, Tenencia, Igrexa Nova, Posse, Riobao, Fontán ou a zona da Praia rivalizaban fai tan só tres décadas polas súas lumeiradas durante a noite meiga, pero agora o crecemento urbanístico ou as restricións ambientais, por exemplo na zona das Brañas, impiden que se poidan realizar nos lugares de outrora, por iso o Concello opta por unificalo no areal, onde tamén estará a lumeirada municipal.
"Traemos un tractor de leña para a lumeirada municipal e outro se repartirá entre os barrios e cada un pode aumentala co que considere", explica Marcos Villar desta repartición que será gratuíta.
Villar explica que o que quere é que a poboación volva implicarse na festa, xa que recoñece que de sempre foi unha celebración con gran participación. Por iso anima aos veciños e veciñas interesados de cada barrio sadense a porse en contacto coa concellaría para indicarlles onde irá situada a fogueira de cada barrio e como poden facer para fomentala.
Ademais, está previsto que haxa unha sardiñada no Curruncho, onde o Concello asará arredor de 1.300 quilos de sardiñas, e posteriormente unha queimada. Por tres euros, os que acudan poderán levar seis sardiñas asadas, viño ou refrescos, pan, un prato, servilleta e unha cunca de barro.
Tamén desde alí distribuiranse as sardiñas para que nas distintas parroquias poidan facer as súas propias sardiñadas. "O patrón maior dime que xa lles está empezando a entrar e que haberá para ese día", explica Villar, que indica que o programa festivo comezará a partir do oito da tarde coa actuación da Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa, continuando a animación, a partir do nove e media da noite, cunha discoteca móbil.
As lumeiradas serán devoradas polo lume ao dar as doce e tras iso, á unha da madrugada do día 24, o ceo de Sada «encherase de bos desexos», explica Marcos Villar, xa que por primeira vez optarase por lanzar 300 faroliños luminosos. Unha tradición do afastado oriente que nos últimos anos popularizouse e deixa impactantes imaxes cando se utilizan.