Alcaldes e concelleiros de 90 municipios, entre as que estaba presente a concelleira sadense de Benestar e Igualdade Isabel Reimundez, xunto a representantes de tres do catro deputacións galegas, asinaron en Santiago o protocolo de adhesión á citada iniciativa
Sada 13 novembro 2018.
O Concello de Sada asinou onte no Pazo de Raxoi, en Santiago, o protocolo de colaboración para desenvolver a campaña "En negro contra as violencias machistas", que este ano chegará a 102 municipios galegos e tres deputacións. A idea partiu de Compostela en 2015, ano no que o Concello de Sada xa estaba presente para lograr o obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a situación de violencia que sofren as mulleres polo mero feito de selo.
No último mes adheríronse a este proxecto 32 novos concellos, dando pé a " unha cooperación intermunicipal sen precedentes en Galicia para frear esta secuela social que eatamos sufrindo”, sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Isabel Reimundez.
A concelleira de Benestar participou no acto celebrado na capital galega, facendo que Sada se atope, unha vez máis, nos concellos de referencia na loita contra a violencia machista. “Desde o ano 2008, apunta Reimundez, as cifras oficiais rexistran 619 asasinatos machistas non conxunto do Estado e 43 en Galicia e, non que vai de ano, a violencia machista acabou coa vida de 10 menores”.
Sada vestirase de negro por 4º ano consecutivo
Na semana do 19 ao 25 de novembro todos os comercios, hostalería e clubes deportivos, ademais de entidades culturais, van a vestir Sada de negro.
O pasado ano o programa chegou a máis de ointenta locais e este ano a concellería de Benestar Social agarda superar os cen participantes abondando nos centros deportivos e educativos do municipio. Para acadar este propósito a concelleira de Benestar e Igualdade, Isabel Reimundez, remitiu unha carta a todos os comercios, locais de hostelería, asociacións e clubes deportivos para que poidan apuntarse a esta campaña de sensibilización social. “Sada en negro” propon vestir, unha vez mais, de loito o municipio en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte.
“Porque consideramos que tedes o protagonismo das rúas de Sada, e sodes o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Sada libre de violencias machistas!”, sinalaba Reimundez na carta.