A Xunta de Goberno Local adxudicou no día de onte a obra de renovación de servizos no Tarabelo á empresa Mecano Obras e Reformas S.L., por un importe de 83.299,54 euros.
Sada, 5 xuño 2020.
O goberno municipal de Sada aprobou a adxudicación do proxecto de execución de renovación de servizos en parte do lugar de O Tarabelo. As obras que se proxectan tratan de mellorar os servizos de auga e prevese ademais a renovación dos servizos de rede de sumidoiros (saneamento e pluviais) e a impulsión do bombeo de augas residuais de Tarabelo.
Nos últimos anos a concellería de Obras e Servizos vén comprobando que o lugar de O Tarabelo require obras de mellora nas infraestruturas de auga. A rede existente en fibrocemento non é capaz de soportar a fatiga á que se ve sometida durante os meses estivais causando a rotura nunha das arterias principais do núcleo urbano de Sada. Trátase, por tanto, de renovar o servizo de abastecemento no citado lugar polo que se instalará unha nova tubaxe, faranse os entroncamentos á existente, executaranse as acometidas domiciliarias e reporase todo o pavimento que quede danado pola escavación. Renovaranse ademais os servizos de rede de sumidoiros e impulsión de augas residuais existentes.
A execución das obras dividiranse en varios tramos. Na execución do primeiro tramo instalaranse 170 metros de tubaxe da rede de abastecemento e no segundo tramo 158 metros de tubaxe. En ambos os tramos realizaranse entroncamentos á rede existente mediante válvulas de comporta. Prevese que a escavación se execute de forma mecánica. A medida que se vaia instalando a nova tubaxe prevese a retirada da vella en fibrocemento polo que se aplicará a normativa existente en materia de seguridade e saúde en canto á manipulación, transporte e posterior xestión do residuo xerado. Posteriormente realizarase a reposición de pavimento en beirarrúa
Para a execución da rede de saneamento instalaranse 100,23 m de tubaxe e dous pozos de saneamento. A rede de pluviais estará formada por 220,34 m de tubaxe e 10 sumidoiros. Renovarase tamén a tubaxe de impulsión da EBAR Tarabelo de 245 metros de tubaxe.
Nesta zona atoparanse tres tipos de reposicións: Reposición de pavimento asfáltico (195 m2). Reposición de pavimento en beirarrúa: (63 m2 de pavimento con baldosa). Reposición de firme de formigón (147,60 m2)
Antes de iniciar a renovación da tubaxe executarase un by-pass coas súas respectivas acometidas (un total de 12) para manter o servizo de abastecemento na zona afectada. Unha vez instalada e probada a nova rede trasladaranse as 12 acometidas a esta e porase en servizo.
Co fin de garantir a seguridade viaria na zona prevese o corte dun carril de circulación polo que haberá que instalar dous semáforos para tal fin. A coordinación do desvío levará a cabo co Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña pola afección á DP-5813 e a Axencia Galega de Infraestruturas (Xunta de Galicia) pola afección á AC-183. 5.1.