Sada renovará a rede de subministración en Barrié de la Maza para evitar problemas no verán

15 / DEC / 2017

Sada renovará a rede de subministración en Barrié de la Maza para evitar problemas no verán

A obra, que se inclúe nos proxectos que se presentan para a súa aprobación no pleno do próximo martes, inclúe a instalación dunha tubaxe máis ancha da Igrexa Nova á praza de España.

 

Sada, 15 decembro 2017 

O Concello de Sada pretende renovar a rede de abastecemento da avenida Barrié de la Maza, no tramo entre a Igrexa Nova e a praza de España, para evitar os problemas de subministración que se rexistran no verán co aumento de poboación. Os traballos, contan cun orzamento de 53.215,42 euros, e se incluiyen entre os proxectos que se prevén financiar co Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) e que se debaterán o vindeiro martes no pleno. 

A obra consistirá en instalar unha tubaxe de fundición dúctil de 140 metros de longo e 20 centímetros de diámetro en substitución da existente, de fibrocemento e de 17,5 centímetros de diámetro, que "non é capaz de soportar a fatiga á que se ve sometida durante os meses estivais causando a rotura nunha das arterias principais do núcleo urbano", segundo a memoria do proxecto. Unha vez instalada e probada a tubaxe, trasladaranse 17 acometidas a esta e porase en servizo. Os traballos, que terán un prazo de execución de seis semanas, incluirán a reposición de pavimentos. 

Para garantir a seguridade viaria durante os traballos, prevese cortar un carril de circulación, polo que haberá que instalar dous semáforos e a Policía Local encargarase de coordinar o desvío, sinala o proxecto. Antes de iniciar a renovación, instalarase un by pass para evitar o corte da subministración. 

Os proxectos que se propoñen incluír no POS suman máis dun millón de euros, entre os 856.738,81 euros das obras correspondentes ao POS+ e os 232.261,85 euros das do Plan Complementario. As actuacións previstas son acondicionar a xardineira e a pavimentación no paseo marítimo e a Avenida do Porto (217.208 euros), mellorar a seguridade en instalación de iluminación (112.037), mellorar a accesibilidade a Fontán e reparar a escaleira de Avenida do Porto (64.642), crear unha senda peonil e instalar servizos na AC-163 por Carnoedo (115.141), reparar e actualizar instalacións de pozos de bombeo (138.093), ampliar e acondicionar o parque do colexio Pedro Barrié da Maza (70.000) e rehabilitar o sistema viario do polígono industrial de Coiro en Soñeiro (232.261,85).

Arquivado en