-A brigada da concellaría de Obras e Servizos coordinada coa concellaría de Praias está a levar a cabo na praia de San Pedro diversas actuacións destinadas a devolver o areal ao estado previo aos temporais deste inverno
- O alcalde de Sada solicitou entrevista en Madrid coa Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar para coñecer as causas do atraso do goberno en funcións na adxudicación da actuación ambiental na Praia de Sada.
Sada, 26 de abril
Desde a pasada semana están a levarse a cabo na praia de San Pedro actuacións co fin de mellorar o estado dos areais.
Entre as obras figuran a limpeza da canle do río que desemboca na praia, a reparación das pasarelas de madeira e o achandado da area existente para nivelala nos lugares onde o mar producira un maior desgaste.
Estas actuacións complementásense nos próximos días coa instalación de papeleiras, duchas, lavapies, de face a ter o areal de San Pedro listo para a época estival.
Ademais unha vez finalizadas as obras neste areal as actuacións de instalación de elementos estenderanse ás demais praias da localidade.
Entrevista en Madrid coa Dirección Xeral de Costas.
Doutra banda o alcalde de Sada, Benito Portela, solicitou da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente unha entrevista para coñecer as causas do atraso da adxudicación da actuación ambiental na Praia de Sada.
A obra de rexeneración da praia de Sada prevista para o seu comezo en xullo deste ano e cuxo órgano de contratación é a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar tivo o acto de apertura de ofertas para a realización da actuación o pasado 4 de setembro de 2015.
Oito foron as empresas que se presentaron para a realización, por un importe máximo de 2.040.161,15 euros, da actuación ambiental na ría da Perdido- Fase I Praia de Sada, que é como se denomina o proxecto. No mesmo acto declarouse como temeraria a baixa do 41,71% da empresa Dragados que licitou por un importe de 1.189.209€.
Desde entón, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente mantén parada a adxudicación do proxecto polo que foron varias as veces que Portela púxose en contacto co xefe da demarcación de Costas na Coruña, Rafael Eimil Apenela, para interesarse polo estado da citada licitación sendo a solicitude dunha entrevista en Madrid coa Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar a última das actuacións que o alcalde levou a cabo.