O Concello de Sada rexeita o ''Plan de usos das Torres de Meirás'' presentado onte na sede da Real Academia Galega (RAG) polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Sada, 12 decembro 2020
O Concello de Sada, en relación co ''Plan de usos das Torres de Meirás'' entende que a Xunta vai na dirección errada, tanto no fondo como na forma. A respecto do fondo, porque o Pazo, xa desde o Decreto BIC do 2008 até agora, integra dúas referencias históricas: a de Pardo Bazán e a do ditador Franco. As dúas forman parte indisociable do Pazo, da súa historia, dos seus antecedentes e dos futuros usos.
Segundo o alcalde de Sada, “non se pode falar só de Pardo Bazán. Parece que á Xunta lle molesta a memoria, sobre todo a histórica e democrática, do franquismo, da ditadura, da represión, o que supón unha didáctica parcial e interesada do Pazo. A memoria non é un xardín”.
“Sen a referencia do franquismo, do que foi e representou a ditadura, e en particular do propio Pazo como símbolo e resultado do franquismo, estaríase dando unha interpretación parcial e fraudulenta do Pazo de Meirás”, entende o alcalde de Sada.
O rexedor cre que tamén erra a Xunta de Galicia na forma ao anunciar as 'Bases para el plan de usos de las Torres de Meirás', de maneira unilateral, sen contar coas outras administracións (Estado, Concello de Sada e Deputación da Coruña), que foron quen de acadar unha sentenza histórica de devolución do Pazo, e sen contar coas asociacións e entidades da memoria histórica e democrática. “Unha cooperación institucional obriga a un mínimo respecto polas outras administracións e pola propia sociedade civil. Unicamente desde esa cooperación institucional, xunto á necesaria e imprescindible participación das entidades e asociacións da memoria histórica (CRMH e outras), poderase acordar os usos do Pazo”, subliña Portela.
O alcalde entende tamén que Sada é fundamental no futuro do Pazo de Meirás e non pode quedar fóra. “A Xunta ten as súas competencias, pero o Concello de Sada ten as súas, tanto as urbanísticas como as de patrimonio cultural, tal como precisa a Lei de Patrimonio cultural de Galiza do 2016".