Sada solicita á deputación a instalación de herba artificial no campo municipal de carnoedo

05 / DEC / 2015

Sada solicita á deputación a instalación de herba artificial no campo municipal de carnoedo

- O alcalde de Sada, Benito Portela e a concelleira de deportes, Zeltia García, reuníronse onte co responsable de deportes da Deputación Provincial, José García Liñares, para trasladarlle a súa preocupación pola escasez de campos de herba artificial no termo municipal e entregarlle a memoria de mellora do campo de fútbol municipal de Carnoedo.

- Tres equipos do municipio utilizan as instalacións do único campo con céspede artificial de Sada xuntando a centenares de nenos durante a semana en adestramentos e partidos.


Sada 5 de decembro

Sada conta con tres campos de fútbol públicos no termo municipal. O das Mariñas-Andrés Pena, o de Mondego e o de Carnoedo. Pero só un deles conta con céspede artificial, As Mariñas- Andrés Pena, a diferenza dos concellos próximos que contan con varios campos municipais dotados de herba artificial e que poden ser usados polos distintos clubs para o desenvolvemento de competicións deportivas.

Desde o comezo do mandado están a buscarse solucións por parte do goberno municipal para desmasificar a ocupación do campo das Mariñas-Andrés Pena que actualmente é utilizado polo Sporting Sada, o Raio Sadense e o Carnoedo para as súas competicións oficiais e ademais para os adestramentos e partidos de todas as súas categorías inferiores o que supón que centenares de xogadores pasen ao longo da semana por ese campo. A isto hai que sumarlle varios equipos de veteranos e peñas que teñen no campo do centro urbano de Sada o único dotado con céspede artificial do municipio.

Desde a concellaría de deportes, xestionada por Zeltia García, realizouse unha memoria para a dotación de céspede artificial no campo municipal de Carnoedo que “suporá a mellora das instalacións deportivas municipais e unha mellor repartición de horarios para os distintos clubs locais”, segundo expricou a concelleira.

Onte á mañá o alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de deportes, reuníronse na Coruña co responsable de deportes da Deputación Provincial, José García Liñares, para para explicarlle a situación das distintas instalacións deportivas do municipio e trasladarlle a memoria do acondicionamento con herba artificial do campo de fútbol municipal de Carnoedo.

Esta actuación aportaría unhas mellores infraestructuras para o equipo de fútbol do Carnoedo, un clube histórico do concello que actualmente milita en Segunda Rexional. “Temos que apoiar, sinalou Benito Portela, aos que se esforzan de forma desinteresada por fomentar o deporte e a cohesión social coma é o caso do Carnoedo”.

Liñares mostrouse coñecedor da situación de escasez de campos dotados con herba artificial en Sada e indicou que é intención da Deputación convocar, no primeiro trimestre do próximo ano, liñas de axuda aos concellos para mellora de instalacións deportivas.

O goberno de Sada, por medio do alcalde e a concelleira, solicitou a Deputación que se teña en conta a situación de Sada e que se subvencione a obra para dotar de céspede artificial o campo de fútbol municipal de Carnoedo.





Arquivado en