O Concelleiro de Saúde remitiu unha carta ao Conselleiro de Sanidade onde tamén lle comunica que “se están a dar pasos para poder facilitar a parcela aprobada no PXOM, para que fagan efectivo desde a Xunta a tan ansiado traslado do Centro de Saúde a unha zona céntrica e máis accesible para as nosas veciñas e veciños”.
O Concello de Sada, a través da Concellería de Saúde, remitiu no día de onte unha carta á Consellería de Sanidade onde traslada o acordado polo pleno no mes de maio así como as demandas da cidadanía en relación ao Centro de Saúde
Na misiva o concelleiro de Saúde, Breogán Blanco, remite o contido da moción aprobada polo Pleno do Concello de Sada o pasado mes de maio onde se solicitaba que “se restablecese un novo protocolo de actuación nos Centros de Saúde, cunha atención máis presencial, xa co persoal totalmente vacinado”.
“Non esquecemos, indica Blanco, que esas traballadoras e traballadores incansables, levan sufrindo dende hai máis dun ano os efectos devastadores da pandemia, arriscando as súas vidas para salvar as dos demais, merecen que se aposte por eles desde xa, por iso reclamamos que se destinase polo menos un 15% do orzamento xeral da Xunta aos medios, persoal e loxística da atención primaria en Galicia (tal e como marca a OMS) esquecendo de introducir nese orzamento os gastos en receitas, a maior parte delas derivadas da atención hospitalaria”.
Ademáis en relación co centro de Saúde sadense o Concello de Sada sinala a necesidade de aumentar o rateo no noso centro, “pois contamos practicamente co mesmo número de persoal que cando a nosa poboación era de 7000 habitantes menos, polo que solicitamos, xa no ano 2019, máis facultativos”
Sada tamén solicita “un novo posto de pediatra para os algo máis de 1200 menores sadenses, cun único pediatra en nómina” e neste sentido lémbrase que “esa praza foi prometida en Decembro de 2019 a través da prensa debido ás nosas continuas protestas e reivindicacións”
Outro dos temas polo que o concelleiro de Saúde pregunta na carta e pola solicitude do Concello de Sada para os fondos “NextGeneration” “que entregamos para a rehabilitación enerxética e de accesos do edificio no que se prestan os servizos do SERGAS, de propiedade municipal e non temos resposta”.
En relación ao traslado do Centro de Saúde o Concello comunicalle ao Conselleiro de Sanidade que “se están a dar pasos para poder facilitar a parcela aprobada no PXOM, para que fagan efectivo desde a Xunta a tan ansiado traslado do Centro de Saúde a unha zona céntrica e máis accesible para as nosas veciñas e veciños”.
O concelleiro de Saúde, Breogán Blanco, felicita tamén á Consellería “pola xestión que están a facer da situación epidemiolóxica” e “por estar practicamente á cabeza do país no plan de vacinación”