O alcalde de Sada remitiu a pasada semana un escrito ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, onde se solicitaba entrevista persoal para tratar un asunto que é “obxetivo prioritario para o goberno de Sada”.
Sada 19 de agosto 2019
O pasado 6 de agosto o Concello de Sada remitiu unha nova comunicación ao concelleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Amuiña, onde o alcalde lle solicitaba por cuarta vez unha entrevista persoal para tratar o traslado do Centro de Saúde da localidade.
O goberno sadense ten coma obxetivo que Sada poda contar á maior brevidade cun novo centro de saúde accesible, funcional e coa oferta de servizos suficiente para garantir unha sanidade de calidade que dea servizo aos 15.000 sadenses. “Estamos seguros, sinala o alcalde Benito Portela, que unha demanda tan unánime da cidadanía sadense vai ser estimada pola Xunta”.
O certo é que logo dos diferentes escritos, datados o 8 de xaneiro de 2018, o 21 de marzo de 2018 e o 9 de abril de 2019, onde se solicitaba unha entrevista persoal, para tratar o traslado do Centro de Saúde, e ante a falta de resposta aos mesmos, o goberno local de Sada reiterou a pasada semana dita petición para poder tratar deste asunto.
Sada conta por primeira vez na súa historia cun PXOM, aprobado definitivamente no mes de outubro de 2017, que conta coa previsión de reserva de terreos para a construción dun novo centro de saúde, nun ámbito de solo urbano non consolidado, nunha zona de doado acceso e con superficie suficiente para a localización do centro e servizos complementarios como aparcadoiro, etc..
“Tendo en conta todo o anterior, indica Portela, fágoche unha nova petición de entrevista persoal para poder tratar este asunto, e presentar todas as alternativas de localización, con terreos dispoñibles ou mesmo con edificacións construídas que poderían reconverterse en centro de saúde”.