Sada substitúe as redes principais de subministracións na rúa Lugrís Freire e parte da Avenida da Mariña

28 / OUT / 2020

Sada substitúe as redes principais de subministracións na rúa Lugrís Freire e parte da Avenida da Mariña

Paralelamente a esta actuación municipal, a empresa concesionaria do servizo de subministración de auga, Viaqua, está a substituír a canalización de auga entre as dúas marxes da avenida da Mariña para dotar a tubaxe existente até o momento de máis seccións.

Sada, 28 outubro 2020

O Concello de Sada está a levar a cabo a obra de substitución de redes principais, as súas acometidas e pavimentación, na rúa Lugrís Freire e en dous tramos da Avenida da Mariña. Desde hai algúns anos está a verificarse que as actuais infraestruturas no centro urbano de Sada requiren obras de mellora, tanto nas calidades como nas súas prestacións, e, no caso das canalizacións subterráneas, é habitual a substitución dalgunhas para aumentar a súa capacidade e/ou para mellorar a súa eficacia.

As obras, adxudicadas á empresa Canarga por 67.337 euros, que se proxectan nos dous tramos de beirarrúa da Avenida, dotaranse dun pavimento idéntico ao do chamado Centro Comercial Aberto e ao do barrio da Tenencia, co obxectivo de homoxeneizalo e facelo máis cómodo para os peóns e as peoas. Na Avenida da Mariña complétanse dous tramos co pavimento mencionado, ampliándose en anchura un destes. Nesta zona, os servizos que precisan obras de mellora son os servizos municipais básicos: auga, saneamento de residuais e pluviais. Trátase en particular de substituír tramos de infraestruturas básicas situados en solo público e mellorar as acometidas existentes aos mencionados servizos.

Nalgunhas rúas do centro de Sada aínda existen acometidas a vivendas en chumbo, así como acometidas (non separativas) de gres para saneamento. Coa obra que se proxecta preténdese realizar a substitución das acometidas aos edificios que non cumpran co criterio de adecuación do material, arquetas, válvulas, etc.

Igualmente, no relativo á separación das augas residuais e pluviais, preténdese instalar os tramos necesarios de tubaxe para dirixir as augas provenientes das cubertas dos edificios existentes directamente ao colector subterráneo que se proxecta, así como as augas residuais producidas nas vivendas da zona ao colector proxectado.

Igualmente, preténdese instalar os tramos que se consideren necesarios de canalizacións subterráneas para proporcionar subministración eléctrica, telecomunicacións, etc. ás vivendas existentes. Actualmente, algúns destes servizos encóntranse grampados ás fachadas dos edificios e, nalgúns casos, atravesan as rúas con vans aéreos.

Paralelamente a esta actuación municipal, a empresa concesionaria do servizo de subministración de auga, Viaqua, está a substituír a canalización de auga entre as dúas marxes da avenida da Mariña para dotar a tubaxe existente até o momento de máis seccións.

 

Arquivado en