O alcalde, Benito Portela, recibe á sadense Paula Valdés, medalla de bronce no Mundial de Artes Marciais WKA.
Sada 11 xaneiro 2016
A Concellería de Deportes, xestionada por Zeltía García, inclúe nos orzamentos para para o 2016 a concesión de bolsas a deportistas de nivel do Concello de Sada coa intención de fomentar o deporte entre os veciños do municipio e para axudar nos gastos que poden supoñér os desprazamentos a competicións deportivas de alto nivel.
O Concello de Sada convocará bolsas de axudas que irán destinadas os deportistas do municipio, que reúnan certos requisitos empezando por estar empadroado no Concello de Sada cunha antigüidade de, polo menos, catro anos consecutivos, no ano da solicitude; estar en posesión de licenza deportiva, vixente no momento da convocatoria e expedida pola federación deportiva correspondente e tamén acreditar nivel deportivo na especialidade, polo menos, o ano anterior ao da solicitude, e ter proxección nas previsións de futuro.
Os deportistas sadenses deberán presentar un resumo do historial deportivo do ano 2015, no que haberá de constar as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais ou internacionais, con especificación de datas, lugar e nivel de competición. Este historial haberá de vir dilixenciado co visto e prace da federación deportiva correspondente en documento orixinal.
Xunto co resumo do ano pasado deberán achegar un proxecto deportivo, a desenvolver durante o ano 2016, no que se incluirá necesariamente o detalle das competicións as que se pretende asistir expresando a súa denominación, nivel da competición (nacional, internacional), categoría da competición ou o rzamento de gastos e ingresos estimados da tempada.
O área de deportes do Concello de Sada revisará os expedientes de solicitudes e verificará que conteñan a documentación esixida. As solicitudes das bolsas serán estudadas e valoradas por unha comisión de avaliación que terá en conta o proxecto deportivo para a presente tempada (nivel, categoría e número de competicións) a implantación e importancia da modalidade deportiva no eido nacional, os resultados obtidos na tempada anterior á da solicitude, a achega económica propia para o desenvolvemento do proxecto/competición e outros méritos como concesión de becas deportivas de outras administracións, convocatorias selección ou estar becado en centros de alto rendimento.
Estas axudas serán compatibles con outras axudas, públicas ou privadas, que se concedan para a mesma finalidade. A dotación total da presente convocatoria é de 10.500,00 euros, cun límite máximo por bolseiro de 1.500,00 euros.
Os deportistas beneficiados deberán realizar o proxecto deportivo obxecto da bolsa, é dicir, ter competido, no ano da convocatoria, en eventos ou probas deportivas de relevancia nacional ou internacional organizados ou recoñecidos polas respectivas federacións e sempre que este acceso sexa por selección, por clasificación directa en probas menores ou por acreditar unha marca mínima.
Se consideran gastos subvencionables aqueles que sen lugar a dúbidas respondan á natureza da actividade deportiva subvencionada. Non se admitirán facturas de bebidas alcohólicas, tabaco ou calquera outro produto considerado lesivo para a saúde. Nas viaxes que se realicen por mor da actividade e competicións, admitiranse como gastos subvencionables os de desprazamento, aloxamento e os de alimentación.
Tamén se terá en conta a participación dos deportistas sadenses en actividades ou campañas de difusión/promoción do deporte que poida realizar a Concellaría de Deportes.
A publicación da convocatoria dacordo cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, farase una vez aprobado o orzamento do ano 2016.
O alcalde e a concelleira de deportes reciben á sadense Paula Valdés, medalla de bronce no Mundial de Artes Marciais WKA.
O alcalde de Sada, Benito Portela recibiu á deportista sadense Paula Valdés, de 8 anos de idade, que formou parte da selección española no Campionato do Mundo Unificado de Artes Marciais WKA disputado en Benidorm onde acadou o terceiro posto na modalidade de Kata Tradicional.
A WKA é a Federación Internacional de artes marciais máis grande do mundo con 186 países representados e que aglutina numerosas disciplinas. Os campeonato mundiais de WKA, como o que este ano se celebrou en Benidorm, están considerados como as Olimpíadas das Artes Marciais. Un total de 3.600 competidores de 125 países do mundo participaron no campeonato da WKA nos seis días que duraron as probas do mundial.
A sadense participou na modalidade de Kata Tradicional (sen armas). A Kata é unha modalidade de arte marcial na que se fan movementos acrobáticos que se realizan no aire idealizando unha loita imaxinaria.
Paula Valdés foi campioa galega de Kick Boxing sen contacto, adecuado a idades temperás, nos anos 2012 e 2013 e participou xunto con sete deportistas galegos no pasado mundial, seis en kick boxing e un en kata tradicional.
Nos mundiais celebrados en 2014 en Carrara (Italia) a galega Lucía García quedou Campioa do Mundo na disciplina de Light Combat e dous galegos subcampións do mundo na categoría de Kick Boxing.
O alcalde estivo a comentar xunto a Paula Valdés e o seu pai e adestrador no clube Ximnasio Bushido, José Luís Valdés, o acontecido no campeonato do mundo de Benidorn e as distintas disciplinas que a sadense practica. Ademáis Portela adiantou que nos orzamentos do 2016 incluirase una partida para subvencionar “deportistas sadenses que participen en probas autonómicas, nacionais e internacionais.”