As entradas gratuítas para o cinema, teatro e o espectáculo de música tradicional poden retirarse no espazo de reserva de butacas da web municipal
A Concellaría de Mocidade programa dúas películas de Cine de Medo o venres 30 de outubro no Auditorio da Casa da Cultura e tamén danza a través das redes sociais do Concello. Pola súa banda a Concellería de Cultura programa para o sábado 31 de outubro, coincidindo co Día das Letras Galegas, un espectáculo de música e baile tradicional, e o domingo 1 de novembro unha obra de teatro. A Concellaría de Promoción Económica convoca o I Concurso de Escaparates de Medo.
Sada, 27 outubro 2020
Seguindo as medidas publicadas na orde do DOG 212/bis do 21/10/2020 e no Real Decreto 926/2020, do 25 de octubre 2020 - BOE Núm. 282, o Concello de Sada vén de programar os actos do SAMAÍN 2020 limitando a capacidade do Auditorio para todas as actividades programadas nesta fin de semana e adiantando os horarios do cinema para que non coincidan co horario de toque de queda.
Deste xeito, a Concellaría de Mocidade programa “Cine de Medo” o venres 30 de outubro no Auditorio da Casa da Cultura e tamén danza a través das redes sociais do Concello. Pola súa banda, a Concellaría de Cultura programa para o sábado 31 de outubro, coincidindo co Día das Letras Galegas, un espectáculo de música e baile tradicional, e o domingo 1 de novembro unha obra de teatro.
Cine de Medo
Desde a Concellaría de Mocidade adiántanse as sesións de Cine de Medo programadas no Samaín o venres 30 de outubro.
A película de cinema infantil Monster House terá lugar ás 18:00 horas e ás 20:30 horas proxectarase Escape Room, para maiores de 12 anos. Ambas as proxeccións terán lugar no Auditorio da Casa da Cultura cunha capacidade reducida a 60 butacas pola Orde do DOG 212/bis do 21/10/2020.
Ao saír das sesións de cine entregaranse "Rasca e Gaña" (con premios directos nos establecementos participantes no I Concurso de Escaparates de Medo) e bolsas de larpeiradas ás persoas asistentes.
Letras Galegas 2020
A Real Academia Galega, nunha medida inédita e sen precedentes na historia da institución, decidiu por causa da pandemia da Covid19 adiar a celebración que cada ano ten lugar o 17 de maio até o 31 de outubro, xusto o día seguinte da conmemoración do 110 aniversario do nacemento de Carvalho Calero, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Desde a Concellaría de Cultura de Sada vanse realizar diversas actividades nesta celebración. Durante toda esta semana a Concellaría pon a disposición das veciñas e veciños unha selección de libros de Carvalho Calero na Biblioteca Municipal.
Ademáis, pon en marcha durante todo o mes de novembro o certame “(Re)inventando a Carvalho Calero”, un certame de microrrelatos en galego que ten como obxectivo fomentar a creación literaria na modalidade de narrativa, así como dar a coñecer a figura de Ricardo Carvalho Calero. Este concurso literario está aberto a toda a comunidade, sen límite de idade. As persoas que quixeren participar poderán crear un microrrelato inspirado na obra literaria de tema libre deste autor. A web municipal sada.gal recolle as bases e a folla de inscrición.
O día da celebración, o sábado 31 de outubro ás 19:00 h, prográmase un espectáculo de música e baile tradicional a cargo da agrupación Xacarandaina no Auditorio da Casa da Cultura.
Teatro
Finalmente, dentro da programación cultural desta fin de semana, prográmase unha sesión de teatro. Será o domingo 1 de novembro 2020 ás 20:00 horas na Casa da Cultura Pintor Lloréns con entrada gratuíta (previa reserva).
Galician Horror History é un espectáculo de improvisación conducido polas Izquierdo Sisters, dúas mulleres moi inquietantes, hipnóticas e decimonónicas, que contactarán, coa axuda do público, con todo o que haxa que contactar, co fin de amosar e desvelar os máis profundos misterios da Galicia máis negra e lutuosa: crimes, asasinatos, espíritus, lendas urbanas e oscuros segredos.
Concurso Escaparates de Medo.
Pola súa banda a Concellaría de Promoción Económica está a programar o I Concurso de Escaparates de Medo de Sada.
Poderán participar neste concurso todos os establecementos comerciales do municipio de Sada, independentemente da actividade que desenvolvan (establecementos de hostalaría, comercio, perruquerías, etc), sempre que teñan escaparate con vistas á rúa.
Os escaparates deben estar finalizados o xoves 29 de outubro e os responsables de cada local deberán enviar unha fotografía a turismo@sada.gal co seu escaparate unha vez decorado para a súa promoción en redes.
O Samaín en Galicia ten unha significación propia. Por iso valorarase positivamente a inclusión de elementos decorativos vinculados á recuperación do Samaín orixinal como poden ser as castañas, caveiras, follas secas, magostos, luciñas, camposantos, Santa Compaña, cabazas, arañas, morcegos ou outros animais nocturnos.
O primeiro premio, consistirá nun diploma acreditativo e 100 € para material de escaparatismo, e será outorgado por un xurado formado por tres representantes do Concello.
Entre as personas que partillen e interactúen coas fotos no Facebook e no Instagram co cancelo #SamainSada2020 sortearanse premios directos. Ademais, os establecementos entregarán “Rasca e Gaña” aos seus clientes nos que poderán gañar diversos premios que achega o Concello de Sada.