-Os municipios coruñeses de Sada e Cee, a cidade de Lugo, as localidades pontevedresas de Nigrán, Ponteareas e Vilagarcía e o concello ourensán do Carballiño, adheríronse ao programa 'Apego', e pasan a unirse ás outras 23 xa incorporadas a este programa. Con iso, xa forman parte de 'Apego' as sete grandes cidades galegas e "as principais áreas urbanas" de Galicia.
Sada, 21 marzo 2017.
Sada, a través da concellería de Normalización Lingüística que xestiona o alcalde Benito Portela, súmase a o proxecto APEGO dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos ou programación de actividades.
Os municipios coruñeses de Sada e Cee, a cidade de Lugo, as localidades pontevedresas de Nigrán, Ponteareas e Vilagarcía e o concello ourensán do Carballiño, adheríronse ao programa 'Apego', e pasan a unirse ás outras 23 vilas xa incorporadas a este programa. Con iso, xa forman parte de 'Apego' as sete grandes cidades galegas e "as principais áreas urbanas" de Galicia.
O acto de presentación, celebrado o pasado venres en Nigrán e onde se explicou que é o Apego e a quen se dirixe, foi presidido polo alcalde de Nigrán, Juan González, e contou cun concerto de música infantil, “Letras e notas” protagonizado por Magín Blanco como mostra das actividades que se desenvolven no proxecto para darlles ás familias recursos para activar a lingua.
Ademáis fíxose fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza dos concellos adheridos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos e resaltouse a necesidade dun proxecto coma este que “valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable”.
De maneira especial, animouse ás nais e pais a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.
A coordinadora do proxecto e técnico de normalización lingüística do concello de Ames, Rosa Moreiras, indicou no acto que o obxectivo deste programa é "promover e arroupar a crianza en galego", polo que poden integrarse as familias que están a esperar un bebé ou que teñen un fillo de 0 a 6 anos.
Por medio de 'Apego', créase unha rede de contacto fluído entre as familias e os concellos e entre os propios nenos; organízanse actividades para familias, profesores e nenos; e ponse a disposición das familias diferentes recursos físicos e virtuais. Actualmente hai unhas 2.000 familias adheridas ao programa, e "moitas máis" participan nas actividades organizadas.
As persoas interesadas poden contactar co proxecto a través da súa presenza na internet: www.apego.gal e facebook.com/apego.gal