Saltar na Praia, ou como levar as disciplinas atléticas de saltos aos areais

08 / XUL / 2016

Saltar na Praia, ou como levar as disciplinas atléticas de saltos aos areais

- Saltar na Praia tenta promocionar e achegar o atletismo, na súa modalidade de saltos, á  mocidade,  a pesar de que polo seu formato estará aberta a todo tipo de idades mediante as distintas sesións e actividades que se desenvolverán na Praia Nova de Sada do 19 ao 23 de xullo e que farán que tanto técnicos, rapaces, atletas e público en xeral formen parte activa das sesións.

- O xoves 21 a partir das 18:00 terá lugar unha Sesión Máster na que os atletas internacionais farán unha demostración da magnitude dos saltos. Para pechar esta sesión os propios atletas farán entrega dos diplomas acreditativos a todos os rapaces participantes.

 

Sada, 8 xullo 2016.

Sada será o escenario dunha nova actividade que organizan conxuntamente a Federación Galega de Atletismo, o Concello de Sada, a través das concellarías de Praias e de Deportes, e o Club Atletismo Sada.

Saltar na Praia tenta promocionar e achegar o atletismo, na súa modalidade de saltos, á  mocidade,  a pesar de que polo seu formato estará aberta a todo tipo de idades mediante as distintas sesións e actividades que se desenvolverán na Praia Nova de Sada do 19 ao 23 de xullo e que farán que tanto técnicos, rapaces, atletas e público en xeral formen parte activa das sesións.

“O obxectivo é aproveitar a excelente localización do areal urbano para sacar adiante propostas que non estean relacionadas directamente co baño”, sinala Marcos Villar, concelleiro de Cultura e Praias.

Do 19 ao 23 de xullo poderase seguir o desenvolvemento desta actividade na Praia Nova. As sesións de adestramento para os mozos serán ás 19:00 horas. E ao longo de toda a xornada poderanse ver marcados os records mundiais de lonxitude, triplo salto, salto de altura e salto con pértega. Haberá carteis con toda a información dos mellores atletas, mundiais e galegos, e poderanse apreciar as magnitudes dos saltos marcados nos fosos e nos listóns.

O xoves 21 a partir das 18:00 terá lugar unha Sesión Máster na que os atletas internacionais farán unha demostración da magnitude dos saltos. Para pechar esta sesión os propios atletas farán entrega dos diplomas acreditativos a todos os rapaces participantes.

“Será  un evento espectacular, indica Villar, onde estarán presentes primeiras figuras da especialidade nunha contorna distinta ao habitual como é a Praia de Sada.”

Nas sesións de adestramentos participarán destacados atletas internacionais como o triplista Alfonso Palomanes, varias veces Campión de España, e Jean Marie Okutu, actual Campión de España de lonxitude e que se atopa disputando o Campionato de Europa en Ámsterdam con posibilidades de acudir os Xogos Olímpicos de Río.

O pertiguista Santiago Ferrer, un dos máis destacados saltadores a nivel nacional fará unha demostración de salto con pértega, podendo comprobar en vivo o que significa saltar 5 metros. Estará tamén en Sada a nova promesa do atletismo nacional Iria Forján, que está a piques de bater o record galego absoluto de lonxitude preto dos 6 metros.

Arquivado en