Seis bandas e tres Dj’s conforman o cartel da sexta edición do TouliñaPop Festival

07 / MAI / 2024

Seis bandas e tres Dj’s conforman o cartel da sexta edición do TouliñaPop Festival

O Concello de Sada programa para este sábado 11 de maio concertos en distintas localizacións, dende a praia ata o porto. O escenario principal estará na Praza Suárez Picallo. “Con este evento abrimos a porta a uns meses nos que Sada vibra con distintas propostas culturais, musicais e festivas pensadas tanto para a nosa veciñanza como para visitantes” remarcou o alcalde, Benito Portela

Sada encherase de música un ano máis grazas ao festival TouliñaPop Festival, que este ano encara a súa sexta edición consolidado xa como unha das principais alternativas do panorama musical da área da Coruña. O Concello de Sada organiza un festival que será completamente gratuíto co obxectivo de que todos aqueles que se acheguen a Sada o 11 de maio poidan desfrutar do conxunto dos concertos programados.

Nesta edición son seis os grupos que conforman o cartel. Catro deles actuarán na praza Suárez Picallo a partir das 22h: Private Function chegan desde Australia cun son e posta en escena que non vai deixar a ninguén indiferente; The Crawdaddys non só foron os primeiros en chegar ó revival do son garage, senón que seguen estando entre os máis recomendables grupos para desfrutar do son dos 80’; Pat Todd & The Rankoutsiders é unha banda de punk rock con sede en Los Ángeles. O grupo foi fundado por Pat Todd, ex cantante principal da mítica banda de punk rock Lazy Cowgirls. Los Chicos traen dende Madrid a mellor mestura de música negra, rhythm & blues, soul, un pouco de country, outro pouco de garage e algo de punk.

O TouliñaPop na Rúa, ao igual que en edicións anteriores, celebrará unha sesión vermú na zona do porto na que, dende as 13h, poderemos gozar dos pontevedreses The Bo Derek’s. Xa pola tarde, na rúa da praia, será o turno dos italianos The Midnight Kings, xunto coas sesións de pinchadiscos que terán lugar durante todo o día.

“Dende o Concello estamos seguros de que un ano máis a nosa vila vaise encher na procura da boa música que nos trae sempre o TouliñaPop Festival” asegurou Portela, quen destacou o compromiso que o seu goberno tivo ó longo destes anos co festival.

 

Arquivado en