A exposición do artista colombiano Alexandre Monntoya que ven de pechar na Capela de San Roque en Sada convertiuse nun éxito de público xa que, en escasamente unha semana, achegáronse máis de 1100 persoas polo espazo expositivo.”
Sada 7 decembro 2016
“O nome da exposición –Conectar- é o mellor xeito de resumir o acontecido en Sada estes días”, afirma Liss Becerra, concelleiro de Promoción Económica “foi unha marabilla ver coma todas as persoas que se achegaron á mostra interactuaron coa obra dun artista que interpreta a realidade dun xeito extremo”.
A obra de Monntoya, que xira por salas e museos dos cinco continentes tivo unha acollida altamente exitosa en Sada pois segundo se afirma desde a área que dirixe o edil do BNG “sabiamos do potencial da obra de Alexandre pero o boca a boca ,a difusión en Facebook ou Instagram onde se bateron récords de visitas, a cobertura por parte de prensa audiovisual e escrita e, sobre todo, o enorme traballo levado a cabo polo movemento cultural ESPERTO capitaneado por David Suárez e Lorena Suárez, fixeron desta semana unha grande experiencia para os cinco sentidos”.
Tanto locais de hostelería coma comercios e a propia concellalía, que dirixe Becerra, uníronse en Sada para unha programación que continúa en diversos locais da vila mariñeira ata o vindeiro 18 de Decembro.
O artista colombiano e Promoción Económica prometeron “máis hiperrealismo para 2017 ”cunha retrospectiva que recollerá toda a traxectoria do pintor afincado en Almuñecar (Granada).
“Será un paso máis e sempre con ESPERTO coma bandeira pois só eles son os responsables do éxito colleitado, sinalou Becerra. Apostamos por contidos de calidade, que referencien a Sada a nivel Comarcal, Rexional e Estatal. Coñecemos o traballo de Esperto desde o inicio; a intensidade, ilusión, traballo, creatividade, xenerosidade e proxección deste movemento multidisciplinar ten que ser marca de calidade de Sada. O traballo de Geppe (así é coñecido en Sada David Suárez) e Lorena é a punta de lanza de cineastas, fotógrafos, pintores, cantantes, músicos, escritores... que teñen en común a súa calidade e súa orixe, Sada. É unha aposta de Presente e de Futuro e seguiremos apostando desde Promoción Económica e Turismo por eles” apostilla Liss Becerra.