A Concellaría de Cultura subvencionou a gravación de 1.000 Cd´s que se repartirán gratuitamente entre ESPERTO e a OMIX a partir do luns 26 de outubro.
Lorena Suárez e David Suárez (Geppe) de ESPERTO Movemento Cultural quixeron mostrar neste traballo preto de 40 manifestacións culturais dos artistas que pasaron por Sada desde que, no ano 2014, comezaron a realizar cada mes de novembro o Universo ESPERTO “co único obxectivo de encher de arte e cultura o noso pobo”.
Sada, 22 outubro 2020
Da unión da Concellaría de Cultura e ESPERTO nace unha gravación en forma de CD chea de música, poesía, fotografía ou pintura, mostra das manifestacións culturais que se realizaron en Sada desde o ano 2014 dentro da programación do movemento cultural.
Lorena Suárez e David Suárez (Geppe) de ESPERTO Movemento Cultural quixeron mostrar neste traballo 40 manifestacións culturais dos artistas que pasaron por Sada desde que comezaron no ano 2014, cada mes de novembro, a realizar o Universo ESPERTO “co único obxectivo de encher de arte e cultura o noso pobo”.
Desde a Concellaría de Cultura valorouse todo este traballo e subvencionouse a gravación de 1.000 Cd´s que repartirán gratuitamente entre ambos os organismos.
“É unha pequena gran mostra do traballo de moitos artistas”, destacou Paola Mondaca, concelleira de Cultura de Sada días antes de que se poña en circulación gratuitamente entre os veciños e artistas este traballo que une poesía ou música na súa parte de audio con fotografía e pintura no libreto.
Paola Mondaca subliña que é de xustiza “recoñecer o traballo constante e a entrega da xente do Movemento Cultural ESPERTO nestes anos e neste traballo” e dá as grazas “a todas e todos os artistas pola súa xenerosidade e pola súa achega ao enriquecemento cultural da comunidade sadense”.
Este traballo repartirase gratuitamente desde a OMIX a partir do luns 26 de outubro e tamén desde ESPERTO, coa finalidade “de dar a maior publicidade posible aos artistas partícipes así como para que se cren sinerxías entre as xentes que se dediquen directa ou indirectamente ao mundo da arte, algo moi necesario e máis nestes tempos tan difíciles para o mundo en xeral e para a arte en particular”, indican tanto Lorena como David.
Desde ESPERTO dan as grazas ademais “a todos os artistas que quixeron formar parte deste proxecto de forma desinteresada, a todas as persoas que asistiron aos actos programados desde os inicios do colectivo, ao Concello, aos locais onde se realizaron eventos e patrocinadores” pola axuda para a realización deste traballo discográfico que se realiza “desde Sada para o mundo”.