A Concellería de Educación, xestionada pola socialista Raquel Bolaño, programa tamén o concurso de Postais do Nadal entre os escolares do municipio.
Sada 24 novembro.
As concellarías de Educación, Xuventude e Saúde e a de Cultura e Praias do concello de Sada organizan a 1ª edición “Acende o Nadal” que consiste na selección mediante sorteo dunha familia sadense que será a encargada de realizar o acendido navideño 2015.
Poderán participar neste sorteo todas as familias empadroadas no concello de Sada e poderá tamén estar composta por todos os membros da unidade familiar: pai, nai, fillos, abós, tíos, etc. O acendido navideño en Sada terá lugar o día 4 de decembro ás 19:30 h. na praza de San Roque.
As inscricións presentaránse na Oficina da Xuventude ou ben no correo electrónico: omixsada@gmail.com mediante a folla de inscrición que pode recollerse na mesma OMIX ou descargarse da web municipal.
O prazo para presentar as inscricións será do 25 de novembro ao 3 de decembro ás 12:00 h. O sorteo celebrarase o día 3 de decembro ás 13:00 h. no local de actividades da Oficina da Xuventude e estará aberto a todas as familias que así o desexen.
Postais do Nadal
O concello de Sada, a través da concellería de Educación, Xuventude e Saúde tamén convoca un ano máis o concurso Infantil de Postais do Nadal. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a participación do alumnado dos centros educativos de educación infantil e primaria, ao mesmo tempo que deseñar a felicitación navideña oficial que utilizará o Concello de Sada nestas datas.
Poderán participar rapaces e rapazas de educación infantil (2º ciclo) e educación primaria empadroados no Concello de Sada. Cada concursante presentará un máximo de 3 postais en modalidade a escoller de debuxo, pintura ou collage. Estableceranse avarias categorías segundo as idades dos participantes que poderán presentar os traballos ou ben na Secretaría dos centros educativos ou ben na Oficina da Xuventude sendo o último día de recollida o 2 de decembro de 2015 ás 18:00h.
A comisión encargada de valorar e decidir sobre os traballos estará constituída por persoal técnico do Concello de Sada que terá en conta os criterios de orixinalidade da idea e a calidade e adaptación técnica á idade do autor/a.
Haberá un premio por cada unha das 4 categorías e outro para un gañador/a absoluto deste concurso. Ditos premios consistirán en material didáctico e educativo, sendo a entrega dos premios o día 19 de decembro de 2015, ás 20:00h, no Auditorio da Casa da Cultura “Pintor Lloréns” na celebración do concerto de Nadal da Banda de Música Municipal e o Coro da Escola de Música Municipal.