-“Todo está en querer, a vontade e a forza de moitos pode arrincarlle zume ás pedras” a frase do libro Querido Tomás de Neira Vilas pasará a decorar as paredes da biblioteca nun vinilo deseñado polo ilustrador David Prieto.
- Preto de 400 frases participaron no concurso que desde o ano 2012 organiza a Biblioteca Municipal Ramón Suárez Picallo.
Sada, 29 abril 2016
A Concellaría de Cultura, xestionada polo socialista Marcos Villar, a través da biblioteca municipal Suárez Picallo encheu de frases literarias os comercios e as rúas de Sada nunha actividade de de fomento de lectura que consistiu en levar durante o Día do Libro identificadores na solapa coas devanditas frases.
Preto de 400 frases participaron no concurso que desde o ano 2012 organiza a Biblioteca Municipal Ramón Suárez Picallo. O concelleiro de Cultura, Marcos Villar agradeceu "a altísima participación e o interese mostrado polos cidadáns e empresarios locais nesta iniciativa” e valorou a "gran calidade literaria das frases presentadas a concurso”.
O pasado mércores un xurado composto por unha profesora da E.I. Flora Ramos, una usuaria da Biblioteca Municipal e o concelleiro de Cultura elexiron a frase gañadora que pasará a decorar as paredes da biblioteca xunto co vinilo deseñado polo ilustrador David Prieto (Gochi) quen levará a cabo o seu traballo grazas a subvención da Xunta de Galicia para o programa “Ler conta moito”.
A gañadora foi Flor López, empregada do Centro de Día de Mondego, quen participou nesta actividade coa frase “Todo está en querer, a vontade e a forza de moitos pode arrincarlle zume ás pedras” do libro Querido Tomás de Xosé Neira Vilas. Ademáis de decorar as paredes da biblioteca coa súa frase, a gañadora terá como premio unha cea nun restaurante ou bar de Sada por un prezo máximo de 160 euros por ser na modalidade de empresa que deberá ser gozado cos seus compañeiros de traballo.
A iniciativa da biblioteca sadense consolídase, cunha nova edición, como unha cita cultural imprescindible en Sada tras a súa posta en marcha no ano 2012. Aínda que a primeira edición desta actividade remóntase ao ano 2008 cando se seleccionou “Ergueremo-la espranza sobre ista terra escura, coma quen ergue un facho nunha noite sin lua” do libro Longa Noite de Pedra de Celso Emilio Ferreiro, frase que achegou o sadense Isaac Pérez e cuxo vinilo en realizou o tamén sadense David Súarez Ansede. En anteriores edicións foron ilustradas frases de Shakespeare, Cervantes, Saint-Exupery e Einstein.