O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou integramente a demanda interposta contra a familia do ditador Francisco Franco e declara ao Estado propietario do Pazo de Meirás, polo que condena á familia Franco á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma incorrer para o mantemento durante décadas.
Sada, 2 setembro 2020.
Ante esta histórica noticia o Concello de Sada quere destacar que a sentenza “é impecable desde o punto de vista xurídico e confirma o que sempre defendeu o concello de Sada, tanto na Comisión de expertos, como en via xudicial e pon fin, coa cautela de ser recorrible a sentenza, á detentación ilegal e fraudulenta polos Franco da propiedade do Pazo”.
Para o Concello de Sada hoxe é “un dia histórico para Sada e para Galiza, un dia no que a verdade xurídica en forma de sentenza súmase ás demandas da cidadania, colectivos, entidades e asociacións de defenda da memoria democrática”.
Salientable o que tamén confirma a sentenza o que o Concello de Sada sempre defendeu e demandou, a actuación de mala fe dos Franco, e, por tanto, a non liquidación posesoria. “Os Franco, fora do Pazo, e sen un euro”.
O Concello de Sada quere trasladar os seus parabéns a todas as persoas, investigadores, historiadores, entidades, membros de Comisións e letrados e equipas xurídicas que contribuiron a esta sentenza histórica. “A batalla legal continuará pero está mais próximo o día no que o Pazo forme parte do patrimonio publico ao servizo da cidadania”.
A incorporación do Pazo ao patrimonio público permitirá o seu destino ao uso dotacional público que prevé o propio PXOM de Sada.