O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro do Golfo Ártabro Sur, está elaborando a Estratexia de Desenvolvemento Local da zona pesqueira para o período de programación 2014-2020 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Con este motivo abren a participación á 2ª xornada, que abordará o seu deseño, mañá xoves 17 de novembro, na Aula do ISM na Casa do Mar Aula (Avda. del Puerto, 21)
As mesas de traballo programadas son:
12:00 horas - Sector Público. 17:00 horas - Medio ambiente e Patrimonio. 18:00 horas - Economía e Turismo. 19:00 horas - Sector Pesqueiro.
O pasado 10 de novembro celebrouse na Casa do Concello de Sada a primeira reunión para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
A reunión, presidida polo presidente do GALP, Andrés García Boutureira, contou cunha ampla participación de representantes de diferentes asociacións do sector pesqueiro, asociacións de redeiras, asociacións empresariais, concellos, confrarías, clubes náuticos e organismos públicos.
Esta reunión, serviu para dar o arranque ao proceso de participación de elaboración da EDLP, que quedará rematada a principios do mes de decembro.
Abordáronse tres ámbitos de traballo. No sector pesqueiro a importancia da valorización dos produtos pesqueiros en fresco, a importancia de incidir no seu consumo en diferentes ámbitos, a necesidade de loitar contra a contaminación das augas e a súa incidencia no medio mariño e costeiro, etc.
No ámbito da diversificación económica e o turismo, a relevancia que ten o Camiño Inglés como motor de dinamización do turismo, aproveitando a sinerxía cos ámbitos pesqueiro e patrimonial como motores de desenvolvemento, a trascendencia da actividade náutica e actividades lúdico deportivas vinculadas ao mar.
No ámbito ambiental e patrimonial destacou a importancia de mellorar a calidade e a preservación da biodiversidade da rías, a importancia do ecoturismo, e tamén, o reforzo do extenso patrimonio material da zona e o inmaterial vinculado ao ámbito mariño, marítimo e pesqueiro.
Máis información en http://galpgolfoartabrosur.blogspot.com.es