XVIII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Sada 2025. Premios Lugrís Freire

05 / MAR / 2025

XVIII Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Sada 2025. Premios Lugrís Freire

O Concello de Sada abre a convocatoria e as bases reguladoras da XVIII Mostra de Teatro Afeccionado de Sada, Premios Lugrís Freire 2025

BASES POLAS QUE DEBE REXERSE A CONVOCATORIA DA XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DO CONCELLO DE SADA PREMIOS LUGRÍS FREIRE 2025

ANEXO I - SOLICITUDE PARTICIPACIÓN NA MTAS 2025

ANEXO II - DECLARACIÓN RESPONSABLE MTAS 2025

 

OBXECTO DESTA CONVOCATORIA?

O obxecto desta convocatoria é o de promover a actividade teatral de carácter afeccionado e dar a coñecer entre a poboación sadense unha selección das creacións escénicas contemporáneas, no eido do teatro amador. A proposta terá un formato de mostra ou festival, con varias datas nas que as compañías previamente seleccionadas representarán as súas obras.

Na Mostra entregaranse os «Premios Lugrís Freire», en homenaxe e lembranza do escritor e dramaturgo sadense, un dos máximos expoñentes do teatro social galego, director da Escola Rexional de Declamación e homenaxeado coas Letras Galegas 2006.

Será o público quen exprese a través das súas valoracións cales serán as compañías premiadas nesta edición.

A finalidade da Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Sada é a de fomentar a cultura en xeral e as artes escénicas en particular. Configúrase como unha cita anual na que terán cabida os traballos presentados por compañías de teatro amador, coa idea de servir de impulso para a participación popular na cultura e para promover o teatro como medio de enriquecemento cultural.

Por medio deste certame o Concello de Sada desenvolve unha acción de democratización cultural, ao facer accesible para a cidadanía a creación escénica actual, pero tamén unha acción de creación de públicos e de formación artística, dándolle ás persoas asistentes a posibilidade de expresar e valorar os espectáculos presenciados.

A Mostra tamén ten unha compoñente dinamizadora da participación activa das nosas veciñas e veciños, xa que é un espazo aberto para amosar as montaxes das compañías teatrais locais. Tanto a Compañía Municipal de Teatro (Leneas Teatro) como outras agrupacións locais, que se manteñen grazas á iniciativa, compromiso e bo facer de veciñas e veciños, poderán formar parte do cartel da Mostra, aínda que sen participar no concurso dos premios.

A XVIII edición da Mostra celebrarase en varios sábados e domingos consecutivos, no mes de abril (do 5 ao 20 de abril ) de 2025 .

A participación na Mostra de Teatro Afeccionado e o seu funcionamento regularanse por medio destas bases.

BASES POLAS QUE DEBE REXERSE A CONVOCATORIA DA XVII MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO DO CONCELLO DE SADA PREMIOS LUGRÍS FREIRE 2025

Arquivado en